Xa coñecemos quen gañou o sorteo de
Agasallaraselle cunha entrada ao teatro e con cea, aloxamento e almorzo nun estabelecemento de Carballo
Esther Verdes Garrido foi a persoa gañadora do sorteo de "Dálle un bocado ao FIOT", que tivo lugar hoxe, no concello, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero.
Ao longo do mes de outubro, mentres no escenario do Pazo da Cultura se sucedían as historias, os risos e a emoción coas obras que conformaron este ano o programa do noso Festival Internacional Outono de Teatro, fóra, varios locais da vila tíñannos preparados os seus bocados especiais para o FIOT, unha completa ruta gastronómica dedicada á cita teatreira.
Todas as persoas que pediron e probaron un destes bocados, entraron a formar parte dun sorteo, que se celebrou este xoves, 7 de novembro, no concello, coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero, e mais de varios d@s hostaleiros participantes.
A persoa gañadora será agasallada cun pase gratuito a unha das obras que se represente na próxima edición do Festival Internacional Outono de Teatro, e ademais poderá gozar de cea e aloxamento gratuito nun estabelecemento de Carballo.
Ao longo dun mes, un total de quince estabelecementos carballeses, tanto restaurantes como cervexarías, viñotecas ou cafetarías, prepararon os seus bocados especiais para os días de función en sala do FIOT, que podían ser tanto un almorzo, como un xantar ou unha tapa ou pincho.
Fixéronnos a boca auga con viandas como doces máscaras fioteiras, mini tostas de pemento asado , cogomelos e chacina de cervo, hamburguesas de salmón e mango, polbo á grella, revolto de lagostinos e cogomelos, champiñóns recheos ao forno ou grolo de gazpacho con gamba crocante.