"É unha obra moi tola, moi gamberra"
Ghazafellos representa este venres "Non é país para cabaleiros"
Ghazafellos en "Non é país para cabaleiros"
Este venres estará con nós a compañía Ghazafellos. Veñen con Non é país para cabaleiros, unha historia de princesas que non queren ser princesas e de cabaleiros que non teñen por que ser valentes. Pepablo Patinho, un dos membros da compañía, fálanos da obra e do seu traballo. Prefire etiquetar o que fan, máis que como teatro infantil, como teatro para toda a familia, porque tamén @s maiores gozan, e moito, destas historias sinxelas pero con moitas lecturas e que chegan a todos os corazóns.
-Sodes xa un clásico da programación teatral en Carballo.
-Si, estivemos en moitas outras ocasións, en actuacións na rúa e de interior, con contacontos, en espectáculos grandes…. Somos uns clásicos. Viñemos con Frankenstein, Nana para un soldado, Bon appettit, Contos para escagarriñarse, O País dos Mandóns,… Case todo o noso repertorio o representamos en Carballo.
-E que recordos gardades de Carballo?
-Nos espectáculos de interior atopamos un público moi acostumado ao teatro. Dá gusto ir porque a xente participa, está moi atenta… Nos espectáculos de exterior é máis aberto, a xente vai e ven, para e mira. É un público cultivado. A xente é moi participativa e cariñosa.
Ghazafellos en "Non é país para cabaleiros"
-Que nos imos atopar en Non é país para cabaleiros este venres?
-É un espectáculo de rúa, participativo e de corte medieval. Amósanos a dous cabaleiros que se xuntan para rescatar unha princesa. Pero a princesa nin quere nin necesita ser rescatada, e fai un pacto co público para darlles un escarmento aos cabaleiros, de modo que a historia dá un xiro de 180 graos.
-Sobre escea aparecen tanto monicreques como persoas…
-Nos primeiros dez ou quince minutos, o espectáculo é fundamentalmente de monicreques, e despois é xa teatro de actores. É unha obra moi tola, moi gamberra, moi simpática.
-Que pretendedes transmitir con esta historia?
-Dende Ghazafellos intentamos facerlles pensar aos nenos, abrirlles máis portas das que poidan ter xa abertas para que vexan que hai máis maneiras de entender as persoas. Falamos dunha princesa que non quere ser princesa, de cabaleiros que non teñen por que ser valentes… Cadaquén debe escoller o seu camiño en función do que queira, sen que nos condicionen a nosa maneira de ser.
-Que estades a facer agora?
-Estamos colaborando con Magín Blanco en A nena e o grilo, e estamos preparando con María Canosa o espectáculo Acuario, no que se mestura o recital poético dramatizado cunha historia para os nenos con títeres. A finais de ano estrenaremos en Narón Tres, dous, un, unha historia de amor entre unha alieníxena e un astronauta, en clave cómica e moi tenra.
-Vós sodes dunha vila, Narón, e vides a outra vila, Carballo, a actuar. Cal é a importancia das vilas para o noso teatro?
-As vilas crean público público. Se ti non acostumas ao público a que vaia a unha obra de teatro, se non o cultivas dende a infancia, o teatro decae. É o público o que sostén o teatro, ao igual que os medios de comunicación. Politicamente ten que haber unha aposta real polo teatro e pola cultura. Unha sociedade con cultura é unha sociedade máis crítica e construtiva. Nas vilas funciona máis o boca a boca, unha noticia chega a máis xente, e iso é importante para chegar ao público.