Libros, música e feira medieval
A axenda de luns a venres
En Carballo, esta semana, monicreques e música. E a un paso, moito máis: Feira do libro en Cee, festa medieval en Malpica e música de raíz e de calidade na Coruña, con Budiño e Luar na Lubre.
Carballo: Monicreques e música
A compañía Ghazafellos
Teatro e música este venres en Carballo. Ás dez da noite, na Praza do Concello, actúa a compañía de teatro infantil, Ghazafellos. Traeranos a obra "Non é país para cabaleiros", na que persoas de carne e oso e monicreques actúan man a man.
Divertida e chea de picaresca, cóntanos as aventuras e desventuras de dous cabaleiros que non terminan de encontrar os seus sitios nos novos tempos. E, no terreo do musical, a Sala Dublín ofrécenos a actuación de "Los explosivos"
Cee: feira do libro
O escritor Francisco Fernández Naval
Comprar un libro, gozar dun bo recital ou dunha proveitosa sesión de música, conseguir a sinatura dese autor ou autora que che guste. Todo iso e máis é posible na feira do libro de Cee, até o 18 de agosto.
O mércores, César Ariza Piñeiro traeranos a súa obra "Contos de soños". O sábado, Francisco Fernández Naval preséntanos " A noite branca", premio Irmandade do Libro ao mellor libro galego en 2012. E o domingo, actúan Mamá Cabra, o exitoso grupo de música para @s peques da casa.
Malpica: festa medieval
Toñito de Poi
Este xoves, feira medieval mariñeira en Malpica. A vila costeira bergantiñá retrotráenos no tempo cun programa de actividades no que a música ocupa un moi destacado lugar.
O sábado actuarán Luar na Lubre, Tonhito de Poi e banda e Media Lúa. E o día anterior, pola noite, o grupo de música tradicional Fol de Veneno.
A Coruña: Budiño e Luar na Lubre
Luar na Lubre
Vén cargadiña esta semana na Coruña. O mércores 14, a tradicional batalla naval, que converte nun espectáculo pirotécnico a enseada do orzán. Ao día seguinte, concerto de Xosé Manuel Budiño, un dos nosos gaiteiros máis coñecidos, que nos amosa o seu último traballo, Sotaque, no que percusión e electrónica se dan a man para configurar un senlleiro acento musical. E o venres, outro dos grupos insignia do folk galego, Luar na Lubre.