A axenda da finde
Rober Bodegas
Música, humor, teatro, boa comida, artesanía… A segunda fin de semana de agosto vén coas caínzas a rebentar. Consulta o programa e deseña a túa ruta festeira!
Rober Bodegas e Serxio Pazos en Carballo
Este sábado teremos a Rober Bodegas no ArtBar da praia de Razo, e ao televisivo Serxio Pazos, na Sala Dublín, no noso núcleo urbano. O carballés Bodegas actuará xunto con Alberto Cansado, con quen xa ten traballado na Sexta. Xuntos enfiarán unha sucesión de micropezas de teatro, ao redor do fío condutor do humor do absurdo, nunha adaptación do espectáculo de microteatro que ámbolos dous representaron este ano na Sala Costello de Madrid. Será a partir das dez da noite. A entrada, a seis euros.
O televisivo Serxio Pazos, ex reporteiro de "Caiga quien Caiga" actuará na Sala Dublín ás once da noite co espectáculo "Sé galego, my friend", unha radiografía da forma de ser das e dos galegos e da imaxe e dos estereotipos que sobre nós se proxectan no mundo. A entrada costará en taquilla seis euros e algo menos (catro euros) de comprala anticipada.
Música e noite máxica en Ponteceso
Noite dos Encantos
O sábado terás oportunidade de pasar unha noite máxica, nun sitio enchoupado de lenda e acompañado pola música folk. Será a Noite dos Encantos, na Furna do Osmo. A música comezará ás nove, e virá da man dos Folkólicos, Bitxo Bola, Furnier&Noé, Kaso Aparte, Chotokoeu, Mars Attacks e Stylo Bastardo.
Festas gastronómicas
En Lema, moi pretiño da Lagoa de Baldaio, celébrase este sábado a súa xa tradicional Mexillonada. Traerán nesta ocasión ao redor de 2.000 quilos de mexillón! Pero non é a única oportunidade que terás de mimar o sentido do gusto. En Muros terá lugar o sábado e o domingo a Festa da Navalla, e en Corcubión, o sábado, a Festa do Porco Celta.
En Ponteceso, tamén ese día, poderás animarte a percorrer a Ruta do Mexillón. En cada local que teña o distintivo do mexillón, poderás degustalo de balde se fas unha consumición. En horario de 11.30 a 15.30 e de 17.30 a 21.30.
De mercado en mercado
Cartel de "Viñetas dende o Atlántico"
Esta fin de semana tamén poderás achegarte até o Mercado Ecolóxico de Quilmas e o das Rutas do Mar de Muxía, nome co que se coñece a cada vez máis afamada festa da vila mariñeira. No mercado ecolóxico de Quilmas, o domingo en Carnota, poderás comprar en máis de vinte postos chegados de toda Galicia, con horta, froitos de tempada, lácteos, pan, mel e moito máis. E en Muxía, o sábado e o domingo poderás mergullarte nas raíces mariñeiras da vila. O Mercado das Rutas do Mar con ducias de postos de artesanía e gastronomía, e actividades como teatro na rúa, contocontos, exposicións históricas ou música.
E ainda máis. Prosegue a semana da banda deseñada na Coruña, onde se celebra unha edición máis do coñecido "Viñetas dende o Atlántico" e, en Buño, a Mostra de Olería, que aínda estás a tempo de visitar.