Festas gastronómicas
Un agosto de comilona en comilona
![Mexillón Mexillón](media/../media/img/mexillon.png)
Mexillón
En Carballo, gustamos dos bos manxares, tanto de comelos como de ofrecelos. En agosto terás oportunidade de comprobalo neste que na zona é o mes das festas gastronómicas por excelencia. Tras celebrar a nosa tradicional Mexillonada, que foi o 10 de agosto nese fermoso miradoiro natural que é o lugar de Santa Irene de Castrillón, en Lema, o 24 deste mes haberá cita dobre. En Imende, á beiriña da lagoa de Baldaio, terá lugar a Festa do Berberecho. E, en Cances, a do pichorro. Que non sabes que son os pichorros? Desvelámoscho unhas liñas máis abaixo.
Festa do berberecho
![Festa do Berberecho Festa do Berberecho](media/../media/img/festa_do_berberecho.png)
Festa do Berberecho
O berberecho é o produto estrela da lagoa de Baldaio, o máis coñecido dos seus habitantes. Por iso, hai xa dezaseis anos, as e os veciños da zona decidiron organizar unha festa na súa honra que, co tempo, conseguíu ter gran afluencia non só da xente dos arredores, senón tamén de veraneantes e turistas.
Será o sábado, 24 de agosto, dende a unha da tarde e até que o corpo aguante.Xa ao mediodía haberá sesión vermú coa orquestra Tokio, que volverá actuar pola noite, xunto co grupo Os Revenidos, de Arteixo. Os berberechos prepararanse en salsa, ao vapor e en empanada. Celebrarase na pista polideportiva de Imende, a tanto só uns 300 metros da praia e da lagoa de Baldaio
Festa do pichorro
![Festa do Pichorro Festa do Pichorro](media/../media/img/pichorro.png)
Festa do Pichorro
Pícache a curiosidade? Pois desvelámosche o misterio. O pichorro é a espiga noviña do millo. Tempos atrás mesmo se comía crúa. En Cances poderás degustala asada, xunto con outros manxares: panceta, chourizo criollo, pan, viño, postre… Será tamén o sábado, 24, a partir das oito da tarde. A esa hora, como é habitual, un veciño ou veciña da parroquia encárgase de ler o pregón, neste caso, a cargo da mestra Alba Calvo Muñiz.
Seguen as exhibicións de música e baile tradicional da Asociación Cultural San Campio de cances, e a actuación d@s gaiteir@s da Asociación Cultural San Xoán de Xornes. Ás nove, comézanse a repartir os pichorros asados. A música combinará o son de orquestra co folk. Do primeiro ingrediente encargarase o Dúo Liberdade. Do segundo, o grupo Sonseis+, que integran varios ex compañentes de dous antigos grupos folk da zona: os Xocaloma, todo un éxito no seu momento, e Marea Baixa.