Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Un verán por andar

Compartir:

Un verán por andar

Se o que che presta é andar, combinar o benestar que proporciona o deporte coa calma da natureza e o pracer de saber máis sobre a contorna, gustarache saber que, no verán, tes varias propostas de interese en Carballo e no territorio no que está encravado, a Costa da Morte.

No propio concello tes varias opcións, como a Ruta das Férvedas, polo interior,  ou a dos Pinos no Mar, pola costa, os roteiros a pé ou en bici polo litoral carballés e as visitas guiadas das mariscadoras de Fonte de Santa Helena pola lagoa de Baldaio.

Ademais, esta será unha semana especialmente intensa. O mércores, como todos os mércores de xullo e agosto, haberá subida ao Monte Pindo. O xoves, será a penúltima etapa do Camiño dos Faros, que nesta ocasión irá de Muxía a Nemiña. E o sábado, visita guiada polo Museo Aberto de Carnota, unha viaxe ao longo de máis de tres mil anos onde poderás visitar petróglifos, un xacemento castrexo e os restos dunha torre medieval, a dos Mouros.

A ruta das fervenzas

Ruta das fervenzas

Ruta das fervenzas

Polo concello de Carballo pasan dúas rutas oficiais de sendeirismo. Unha delas, a PRG 142, permitirache coñecer o Carballo interior, até chegar aos dous tesouros máis prezados desta paisaxe de pequenos montes e suaves ladeiras: as fervenzas de Ramil, en Rus, e do Outón, en Entrecruces, que cae sobre a 40 metros.

Se a fas, poderás coñecer algún dos nosos principais referentes patrimoniais, como o Pazo de Vilar de Francos, ao que chegarás por unha variante, ou a capela de San Paio, un dos poucos templos góticos da contorna.

A ruta dos pinos no mar

A ruta dos pinos no mar

A ruta dos pinos no mar

Esta ruta levarate dende a praia de Razo até o porto pesqueiro de Malpica, pasando polo cume máis alto de Bergantiños, o Monte Pindo.

Haste sorprender co seu pasado mineiro, pois na Segunda Guerra Mundial foi un importante punto de extracción de volframio para o exército nazi, e tamén coas fermosas vistas que che regalará o seu cume, unha panorámica que abrangue dende o concello de Malpica até os arredores de Ferrol.

Ademais, destas dúas rutas, recoñecidas oficialmente, podes seguir outros camiños, que te levarán a gozar das nosas paisaxes costeiras, de Razo a Baldaio e mesmo alén, tanto en bici como a pe.

Camiñando por Baldaio

Marscadoras en Baldaio

Marscadoras en Baldaio

Se queres coñecer mellor ese prezado espazo natural que é a nosa lagoa de Baldaio, poderás facelo da man das mariscadoras da asociación Fonte de Santa Helena.

Se te pos en contacto con elas, poderás conseguir unha visita guiada de man destas mulleres que son quizais as que mellor coñecen esta contorna e a súa historia de loita, porque conviven coa lagoa no día a día e teñen os seus recordos pegados na pel. Obterás máis información na nosa oficina de turismo.

O Camiño dos Faros

O Camiño dos Faros

O Camiño dos Faros

Sempre mirando ao mar e ao occidente, alí onde o sol se pon, a Ruta dos Faros une Malpica con Fisterra ao longo de 200 quilómetros. Este xoves, 25 de xullo, terá lugar a penúltima etapa, que irá dende Muxía a Nemiña, pasando por paraxes tan fermosas como o cabo Touriñán. Son en total 23 quilómetros e percorre os montes e acantilados de Muxía que caen ao mar. Tes máis información na súa web ou no facebook.

E ao día seguinte, venres 26, ruta polo concello de Muxía, coa guía dun historiador moi ligado a Carballo e á Costa da Morte, Xan Fernández Carrera.

O Monte Pindo e Carnota

Escavación arqueolóxica no Castro de Mallou

Escavación arqueolóxica no Castro de Mallou

Todos os mércores poderás subir ao Monte Pindo, un dos cumes máis míticos da Costa da Morte e de Galicia. Facelo axudarache a comprender por que, para o Monte Pindo, se está a pedir que sexa Parque Natural. O lugar de saída é no Centro de Interpretación das Rutas do Monte Pindo e Fervenza do Ézaro, na estrada que vai de Cee a Muros á altura do desvío á Fervenza, ás nove da mañá.

En Carnota estase a desenvolver este mes o proxecto de arqueoloxía social "Castro de Mallou". E que é iso da arqueoloxía social? Que ti, eu, ou calquera, pode participar na recuperación dun xacemento arqueolóxico. Neste caso, trátase do Castro de Mallou, en Carnota. Se queres visitalo, hai guías de balde todos os días no horario de escavación, de dez da mañá a unha, e de catro e media a sete da tarde. E, se prefires facer unha visita máis completa ao longo de máis de tres mil anos de historia pola zona, por 7,5 euros este sábado, 27 de xullo, poderás visitar o Museo Aberto de Carnota.

Non é unha ruta de sendeirismo, porque se combinarán tramos a pé con tramos en coche, pero sen dúbida merece a pena porque permite coñecer non só o patrimonio da zona senón a enerxía social que permitiu recuperar do abandono a Torre dos Mouros, o ano pasado, e o Castro de Mallou, este verán.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica