Esta fin de semana, Festa do Pan en Carballo
Pan de Carballo
O pan de Carballo é, con razón, un dos máis afamados de Galicia. Un pan esponxoso, cheo de ollos e moi saboroso, nacido dos trigais de Bergantiños e das augas do Anllóns, que durante séculos moeron o trigo ben finiño para facer a mellor fariña.
Se queres coñecer o noso pan, esta fin de semana tes unha excelente oportunidade. No lugar da Brea, zona coñecida polo bo facer dos seus panadeiros e panadeiras, terá lugar a Festa do Pan, unha das nosas citas gastronómicas máis coñecidas, que terá lugar o sábado 13 e o domingo 14.
Amasando no pan de Carballo
Onde hai pan, hai fartura
A fartura non faltará na Brea. Serán ao redor de 200 quilos de pan. Poderás degustar os nosos moletes de trigo e as nosas boroas acompañadas dun bo churrasco e unha apecible sardiñada, todo de balde, agás o viño. Será o domingo ao mediodía.
A orquestra Os Tarantos de Ferrol encargarase de amenizar a festa, tanto o sábado como o domingo. Os dous días haberá sesión vermú e, o sábado, ademais, verbena pola noite.
Esta festa, que naceu hai máis de trinta anos, non sería posible sen a implicación dos panadeiros e panadeiras da Brea. Os moletes serán feitos e donados polas panaderías Nuria, Garcos, Mesejo e Lita.