Rockin´
O venres 21 de xuño a partir das 22.00 horas tes unha cita musical no parque de Rego da Balsa. O Rockin´ réndelle un ano máis tributo á música rock e ao directo, cunha aposta convencida pola calidade. E faino desta volta cos madrileños Sex Museum como grupo estrela, nunha noite na que tamén actuarán Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta, e a DJ Sandrita Dinamita que será a encargada de pinchar para animar o festival.
Carballo convértese así nun dos destinos do quinteto Sex Museum na xira na que repasará os seus preto de trinta anos de rock independente. A cita, que está organizada polo departamento de Xuventude do Concello, será de balde e terá lugar na zona traseira da antiga estación de autobuses.
O Rockin, que xa nos ten acostumados aos e ás carballesas a estrenar con rock o San Xoán, chega á súa madurez con esta sexta edición. O festival é, xunto co Sereas e Piratas, que terá lugar en xullo na praia de Razo, o Xiria Pop (en setembro) e o Live in Cances (en novembro) unha das citas claves coa música actual en Carballo.