Carballo a un paso

Inicio // Coñece Carballo // Cultura viva // Festas

Compartir:

Festas

O San Xoán

Cachela do San Xoán

Cachela do San Xoán

Carballo renace cada San Xoán, a festa grande da vila e unha das máis coñecidas da comarca, intensamente agardada, ano a ano, por maiores e cativada. Dende as cacharelas que inauguran a festa até a romaría do Bosque, á beira do Anllóns, que a pecha, a vila convértese nun grande escenario para a diversión, para a ledicia, para celebrar que chega o verán e a vida explosiona en toda a súa fermosura un ano máis.

As festas reúnen tradición e modernidade. No noso San Xoán, artistas de moda ben coñecidos/as na escena musical do momento comparten cartel coa música das orquestras e con artistas locais. 

Cadaquén agarda polo San Xoán con expectación por un ou outro motivo. As crianzas, para gozar das arriscadas atraccións que enchen o parque do San Martiño, á beira do Anllóns. A xuventude, para mergullarse na animada noite da vila. A xente maior, para encontrarse coa familia diante dun bo prato de comida ou coa xente amiga e coñecida, na rúa.

Mais o San Xoán tamén é unha oportunidade para coñecer aos e ás creadoras locais nos concertos e exposicións organizados ex profeso para estas datas, e ás e aos nosos deportistas e equipos da zona, que compiten en torneos especiais preparados para as festas. E tamén para participar nos concursos máis peculiares e ocorrentes, como na baixada do Anllóns, con curiosas embarcacións que compiten en orixinalidade e ousadía, ou o concurso de barquiños de papel, na romaría do Bosque.

As festas parroquiais

É habitual espreguizarse nas mañás do verán coas bombas de palenque anunciando festa nalgunha parroquia veciña. As xentes, as casas, as aldeas e o campo da festa, visten as súas mellores galas para celebrar que, un ano máis, estamos xuntos, seguimos xuntas, e somos comunidade. Porque as festas patronais son ese momento do ano no que todo o mundo volve ás orixes: a xente que emigrou, os fillos e fillas que xa voaron do fogar, os amigos e amigas da infancia…

Os campos da festa énchense por estas datas dunha enerxía moi especial. Xeracións máis novas e máis vellas coinciden unha vez no ano no mesmo escenario de ocio nocturno: a verbena. A algunha das parroquias do concello veñen as orquestras de máis sona do momento, grazas ás achegas que a veciñanza fai do seu propio peto. Todo é pouco porque, por estas datas, cada parroquia quere lucir a máis fermosa. 

É este o momento propicio para encontrarse, para gozar, para namorarse, para celebrar que, pase o tempo que pase, esteamos onde esteamos, unha vez ao ano seguiremos a encontrarnos nese mesmo punto: o campo da festa.

As festas gastronómicas

Dime que comes e direiche quen es. Carballo é, como non, a súa comida: o seu pan, as súas patacas, os produtos do seu mar e das súas terras… No veráns, o concello énchese de festas gastronómicas, nas que se honra o goce do bo comer.

As máis veteranas son a festa do pan do Brea, a do Berberecho, en Imende, e a Mexillonada, en Santa Irene do Castrillón, en Lema. No lugar da Brea, en Carballo, viven e traballan algún dos mellores panadeiros e panadeiras da zona, transmisores do bo facer do afamado pan de Carballo. En Imende, o sábado da penúltima semana de agosto podemos degustar un dos produtos estrela da lagoa de Baldaio, o seu berberecho. No Castrillón, lugar con fermosísimas vistas da costa carballesa, dende Razo a Baldaio, e tamén en agosto, podemos degustar os mexillóns ao vapor e en empanada que nos preparan as e os veciños da zona.

Xunto a elas, temos algunha de máis recente creación. En Cances celébrase a do pichorro, a espiga de millo cando aínda é tenra e noviña. Prepárase asada e acompañada doutros produtos como os pementos e os cachelos. En Oza ten lugar a festa do cachelo, a pataca cocida que se cociña coa pel, e que a asociación de veciños/as do lugar prepara ese día xunto con churrasco e sardiñas. A celebración ten lugar a finais de agosto, na época en que os labregos da zona están a recoller das súas leiras as colleitas de patacas.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica