Un antes e un despois do turismo na Costa da Morte
Carballo, presente en Fitur a través dos proxectos Os fogóns do Anllóns e Destino Starlight
![Presentación de Presentación de](media/../media/img/os_fogons_do_anllons_1.jpg)
Presentación de "Os fogóns do Anllóns"
A feira de turismo máis importante de España, Fitur, é o escenario da presentación de dous ambiciosos proxectos que van marcar un antes e un despois do turismo na Costa da Morte. E nos dous está presente Carballo.
Na xornada inaugural tivo lugar a presentación de Os fogóns do Anllóns, o proxecto impulsado polos cinco concellos das ribeiras do noso río a través de Turismo da Deputación da Coruña, e que formará parte do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia. No acto participaron o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Cabana, José Muíño; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a cociñeira carballesa Rocío Martínez, do restaurante Pementa Rosa.
A gastronomía local é o eixo central do proxecto, que ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, pero non o único, porque con Os fogóns do Anllóns tamén se aposta pola mellora da competitividade do sector turístico, pola transición dixital e pola sustentabilidade do territorio a través de accións como a creación dunha rede de miradoiros e de novos espazos como praias fluviais ou a posta en marcha de servizos de paseo en embarcacións, alugueiro de bicicletas ou rutas de cicloturismo.
![Entrega da certificación de Destino Starlight Entrega da certificación de Destino Starlight](media/../media/img/destino_starlight.jpg)
Entrega da certificación de Destino Starlight
Fitur tamén foi escenario este xoves da entrega da certificación da Costa da Morte como destino starlight, noutro acto no que volveron a participar Xosé Regueira e Nava Castro, nesta ocasión xunto coa presidenta de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Mónica Rodríguez; a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, e o físico Jorge Mira.
A corporación municipal aprobou no pleno de setembro a adhesión do Concello de Carballo á Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas, un paso imprescindible que deben dar todos os concellos integrados na CMAT (Costa da Morte Asociación Turística) para que esta gran comarca puidese obter a certificación de Destino Turístico starlight.
A materialización da iniciativa suporá, tal como indicou Xosé Regueira, “o desenvolvemento do turismo astronómico que protexe a calidade do ceo nocturno, non só como un recurso cultural, científico e natural que está en risco, senón tamén como unha oportunidade de xerar un produto turístico de calidade e diferenciado”.