Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Este outono volven as rutas entre follas secas!

Compartir:

Este outono volven as rutas entre follas secas!

Seis andainas entre o 9 de outubro e o 20 de novembro para coñecer, poñer en valor e desfrutar o patrimonio natural e histórico de Bergantiños

Outono en marcha 2022

6 de outubro de 2022 - Volve o programa de rutas que cada ano, coa caída das follas secas, chega para que coñezamos a nosa contorna a través de percorridos deseñados para unir lugares de interese ambiental, cultural e paisaxístico: o Outono en Marcha da Asociación Ambiental Senda Nova. Os marróns, laranxas e amarelos tinxen a comarca de Bergantiños cunha beleza que poderemos ver a través de seis andainas polos municipios de Carballo, Coristanco, Malpica e A Laracha entre o 9 de outubro e o 20 de novembro. Once anos cumpre xa este programa que mantén os obxectivos do primeiro día: o coñecemento, a posta en valor das rutas ou a recuperación dos antigos viais que adoitaban unir as nosas aldeas. Os percorridos son: Senda das Capelas, Razo-Baldaio para protexer, Vía Alcaianus, Terras do Marqués, Pegadas do Volframio e a Ruta das Férvedas.

As inscricións desde Carballo poden formalizarse dende dous días antes da celebración de cada roteiro tanto na base de Protección Civil de Carballo (Edif. Ambulatorio vello. Carballo 2º andar) de luns a venres  de 9.30 a 13.30 horas; e tamén no Espazo da Natureza de Oza os mércores, xoves e venres de 17.00 a 20.00 horas. Se alguén de fóra da comarca quere inscribirse, pode contactar directamente coa organización. +info na web de Senda Nova www.sendanova.org, no Facebook ou no enderezo electrónico de Senda Nova <sendanova@hotmail.com> e no teléfono 611 037 617. O prezo para participar é de 8€ para adultos/as e de 6€ para menores de idade. Os socios/as de Senda Nova maiores de idade pagan 6€ e 4€, os menores.

RUTA A RUTA

Respecto do calendario de rutas (todas con saída desde Carballo ás 8.15 horas dende a sede de Senda Nova na rúa Venezuela), as súas características son as seguintes: 

  • Senda das Capelas: 9 de outubroUnha sorpresa en cada recunchoh de Montemaior (A Laracha). Montemaior é a única parroquia pola que camiña unha ruta salpicada de capelas. Algunhas destas construcións enmárcanse en fermosos paraxes de silencio. Como nexo do percorrido, o curtidoiro de Cumiáns de 1852. Dificultade: media. Distancia: 16 quilómetros.
  • Razo-Baldaio para protexer: 16 de outubroXeoloxía de Carballo aberta ao océano (Carballo). Xeoloxía, cultura e biodiversidade nun espazo natural que alberga un dos sistemas dunares mellor conservados de Galicia. Dificultade: media-baixa. Distancia: 14 quilómetros.
  • Vía Alcaianus: 23 de outubroFermosas corredoiroas para unir Xallas e Bergantiños (Coristanco e Carballo). A Ponte Lubiáns é un dos puntos estratéxicos dunha senda con continuo desnivel negativo que atravesa castros, pazos e fermosas corredoiras antigas enmarcadas por especies autóctonas. Dificultade: baixa. Distancia: 19 quilómetros.
  • Terras do Marqués: 30 de outubro. Pazos en terra farturenta (Carballo). Os pazos de Gontade, das Pallas e, o de máis sona, Vilar de Francos, son paradas estratéxicas dunha senda que cautiva. Dificultade: media-baixa. Distancia: 14 quilómetros.
  • Pegadas do Volframio: 13 de novembroA febre do wolframio dende o corazon das meigas (Carballo e Malpica de Bergantiños). Acompáñanos durante o percorrido o cheiro a historia do negro mineral tan prezado na 2ª Guerra Mundial. Monte Neme é o balcón xefe de todo un itinerario para tirar proveito deste "Petón das meigas". Dificultade: media. Distancia: 17 quilómetros.
  • Ruta das Férvedas: 20 de novembroA paisaxe rachada contra as rochas (Carballo). A valgada Malpica-Tui é o compás que guía o percorrido dende Carballo ata a férveda de San Paio. Corredoiras cheas de encanto para unir saltos de auga formados pola citada valgada que percorre Galicia de norte a sur. Dificultade: media. Distancia: 15 quilómetros.

As rutas levan incluído o avituallamento e o transporte desde o lugar de saída ao lugar da ruta e de volta e contan con guías titulados. Recoméndase levar calzado axeitado (a poder ser impermeable) roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla, gorra e protección solar. E, tamen a cámara de fotos porque hai paisaxes inesquecibles. E lembra, deixa o entorno tal e como o atopeches. 

Agora só tendes que apuntarvos. Boa andaina!


Ligazóns

Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica