A arte urbana e o teatro únense en Carballo
A cita cultural máis relevante do ano colabora co proxecto artístico máis importante da localidade para crear unha iniciativa conxunta
Yoseba MP traballando no mural
4 de outubro de 2022 - Este ano unímonos co XXXI FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, para crear un proxecto que une á cita cultural máis relevante do ano en Carballo co proxecto artístico máis importante da vila para crear unha iniciativa conxunta. Así, durante a celebración do festival está a crearse un novo mural que pasará a formar parte da colección de Derrubando Muros con Pintura e que está moi preto do auditorio do Pazo da Cultura, núcleo neurálxico do FIOT. Trátase dunha obra en homenaxe á compañía Mofa e Befa, que cumpre 30 anos encima das táboas e que naceu case á vez que o festival de teatro, con tan só un ano de diferenza.
O artista encargado de levalo a cabo é un vello coñecido de Carballo, Yoseba MP, que xa pintou no Rexenera Fest 2017 o mural “Fina de Carballo: a muller nitromón”, un dos favoritos das persoas que nos visitan. Nesta ocasión, o mural está situado na rúa Barcelona, esquina coa rúa Tarragona e retrata a Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, integrantes da compañía. O mural está a xerar bastante expectación, xa que habitualmente, no outono, os guindastres e os pinceis non adoitan estar en marcha. Ademais do mural, a homenaxe a Mofa e Befa inclúe unha exposición e a estrea dunha nova proposta teatral durante o FIOT: o venres 7 e o sábado 8 de outubro. Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, protagonistas do mural, aínda non o viron con detemento, aínda que polas fotos, o primeiro comentou, chanceando, que el non é tan “cabezón”.
Antes de que termine o festival veremos o resultado, e os propios actores terán a oportunidade de ver a obra en persoa. Sinerxías culturais en Carballo!