Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Volve a Mexillonada de Lema!

Compartir:

Volve a Mexillonada de Lema!

Celébrase o sábado 6 de agosto no miradoiro de Santa Irene e repartiranse uns 1.600 kilos de mexillóns en racións e en empanadas

Imaxe da última edición da Mexillonada

Imaxe da última edición da Mexillonada | 📷 Turismo Carballo

4 de agosto de 2022 - Este verán volve a tradicional Mexillonada de Lema, que chega á súa XXIV edición. Arredor de 1.600 kilos de bivalvos, uns 600 para as empanadas e 1.000 para servilos ao vapor, poderán degustarse no miradoiro de Santa Irene (Castrillón) cunhas vistas espectaculares da lagoa de Baldaio e da costa carballesa. Pero ademais dos mexillóns, tamén haberá a actuación musical de Judith Cundíns (sobre as 22.30 h.) café, viño, queimada e sorteos entre os asistentes. A cita gastronómica volta despois do parón marcado pola pandemia, pero con máis azos ca nunca da man da Asociación Cultural O Castro de Lema e coa axuda da veciñanza.

A cita é o sábado 6 de agosto a partir das 19.00 horas nunha carpa situada no alto do miradoiro. A organización explica que o obxectivo é sempre ofrecer prezos alcanzables para todos os bolsos, pero que este ano a situación provocou que suban un pouco. En todo caso, serán 25 euros a empanada completa, con ben de mexillóns, e tamén será posible comprala por porcións; 6 euros custará cada unha das racións de mexillóns ao vapor, incluíndo a cesta. Se alguén quere repetir, o prezo baixaría porque se descontaría o valor da cesta. En todo caso, non hai que perder a oportunidade de probar este manxar, recén saído do mar e acompañado dun bo viño branco. Non o dubidedes e achegádevos!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica