A lingua galega, a lingua de Carballo
Praza dos libros
A lingua propia e oficial de Galicia é o galego, que é o idioma común nos usos espontáneos na maioría do país. Ademais da lingua de aquí, en Galicia tamén é cooficial o castelán, mais as administracións e os poderes públicos teñen a responsabilidade de fomentaren o uso e o prestixio do idioma propio.
O galego está en proceso de normalización e é de uso frecuente en indicadores, información e comunicación de organismos oficiais e sociais, medios de comunicación públicos, etc. En canto ao ensino, procúrase que o alumnado remate dominando as dúas linguas oficiais. En diversos usos e contextos formais como a rotulación de empresas, os medios de comunicación privados, a xustiza, etc., o seu uso está minorizado. Ademais, en xeral, nas cidades é menos empregado ca nas vilas e aldeas.
Os nomes dos lugares
En canto á toponimia, cómpre ter en conta que ao longo dos séculos se lles foi dando nome aos lugares, cuns motivos ou outros, mais sempre, como é lóxico, por parte da xente do lugar e na lingua que esta usaba. É por iso que os topónimos só teñen, por lóxica, un único nome, o galego. Así, a modo de exemplo, algúns dos nomes de lugar que podemos atopar na zona son:
- Carballo: o nome da vila e do concello provén da árbore que había ao lado da antiga igrexa parroquial, un ‘carballo’ (Quercus robur), árbore chamada ‘roble’ en castelán, ‘roure’ en catalán, ‘haritz’ en éuscaro, ‘oak’ en inglés, ‘chêne’ en francés ou ‘eichen’ en alemán.
- Costa da Morte: o nome co que se coñece toda esta zona de costa ten a súa orixe no longo historial de naufraxios que nela houbo, de aí a denominación, que se traduciría literalmente como ‘costa de la muerte’ en castelán, ‘cost de la mort’ en catalán, ‘heriotza-kostua’ en éuscaro, ‘cost of death’ en inglés, ‘le coût de la mort’ en francés ou ‘Kosten des Todes’ en alemán.
- Fisterra: provén da forma latina finis terrae, ‘fin da terra’, que evolucionou en galego a Fisterra para denominar o cabo da fin do mundo.
- Laxe: o nome desta vila provén da palabra ‘laxe’, pedra de grandes dimensións e de superficie lisa que aflora dun terreo sen sobresaír del. Este termo non ten unha equivalencia exacta noutras linguas.
Campaña Incrementa o teu interese
Lingua de uso
En toda a área de Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte, a lingua maioritaria nos usos espontáneos entre as persoas é a galega, e a totalidade da poboación enténdea e sabe falala. Así, se quen visita a zona comeza usando un “bos días” (pola mañá) ou “boas tardes” (pola tarde), seguro que arrincará un sorriso da persoa coa que fala ou pola que é atendida nunha cafetaría, nun restaurante ou nun hotel, e conseguirá un mellor contacto inicial.
En definitiva, a lingua galega é un valor de Galicia, tanto por ser o seu gran patrimonio cultural e identitario, coma por ser elemento cohesionador da sociedade e ferramenta de comunicación tanto interna, no propio país, coma internacional, no amplo universo lusófono.
Coñece máis
- Loia guía aberta da lingua (historia, evolución, situación, lexislación...)
- Lingua galega na Wikipedia
- Real Academia Galega
- Xunta de Galicia