Concertos e presentacións literarias: no Curruncho Pop
Este programa anticipa unha primavera de música e libros no auditorio da Biblioteca Rego da Balsa: de balde con reserva previa
1 de febreiro de 2022 - Se estades por Carballo e queredes desfrutar de música e literatura, pasádevos polo Curruncho Pop. Trátase dun programa organizado pola Concellaría de Cultura para reivindicar a utilización da Biblioteca Rego da Balsa como un espazo no que teñen cabida todo tipo de manifestacións culturais. Este 2022 anticipa unha primavera cultural de libros e concertos con forza. Seis citas musicais e tres presentacións literarias enchen o cartel que ten lugar entre o 29 de xaneiro e o 4 de xuño. O aforo do auditorio da Biblioteca Rego da Balsa é reducido, así que debes reservar praza no teléfono 981 758 580 se queres asistir (máximo, catro pases por persoa). A entrada é de balde. E os horarios son: 19.30 horas para as presentacións literarias e 20.30 para as actuacións musicais.
29 de xaneiro: Jamie Perrett
O Curruncho Pop arrinca con Jamie Perrett, que estará no auditorio da biblio aproveitando a súa xira en solitario por España. Este artista británico comezou a súa traxectoria musical sendo parte do grupo de Babyshambles, de Pete Doherty. Ademais, as súas cancións amosan gran influencia da música do seu pai, Peter Perrett (The Only Ones).
5 de marzo: Hendrik Röver e Óscar Avendaño
O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presenta o libro Townes Van Zandt. La eternidad en una canción, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano. A continuación, Hendrik Röver (Del-Tonos) e Óscar Avendaño (Siniestro Total) farán un percorrido musical pola obra do lendario compositor americano nun concerto que non podedes perder.
26 de marzo: Huguette Periscal e Madame Bird
Luis Lapuente e David Moreu falarán da historia do soul nun percorrido monográfico de dous escritores que teñen publicado unha ampla bibliografía sobre o tema. De seguido actuará Huguette Periscal, unha das voces máis destacadas da escena musical carballesa. Cun rexistro que por momentos nos lembra a Aretha Franklin ou Janis Joplin, conta cunha traxectoria en diferentes bandas como Dude, Sonseis ou o seu proxecto actual, o dúo Quercus Blues. Pechará a banda coruñesa Madame Bird, integrada por músicos de amplo percorrido musical e nas artes escénicas, con Carla de Figueredo á voz.
7 de maio: Desnortadas
Desnortadas é unha proposta poético-musical que xorde do último poemario da autora carballesa Rosalía Fernández Rial, Desnortada (Espiral Maior, 2021), que desta volta inclúe un CD con varios dos poemas musicados pola autora, acompañada pola virtuosa acordeonista asturiana María Álvarez Santiago (Maraya Zydeco), considerada como unha das mellores de Europa.
21 de maio: Magín Blanco. O camiño da luz
Magín Blanco é un compositor, guitarrista e cantante galego moi coñecido polo público cativo. Pero comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa, co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil. En 2012, máis de trinta músicos (Xoel López, Xabier Díaz, Uxía, Santi Campos entre outros) colaboraron no disco-tributo ‘Doutor Apertas’. En Carballo estará acompañado polo músico, xornalista e escritor ourensán Carlos Rego para presentar o libro Magín Blanco. O camiño da luz, que fai un percorrido biográfico pola particular carreira deste músico.
4 de xuño: Diego Vasallo
Diego Vasallo é un intérprete, compositor e letrista pop, que foi explorando diferentes estilos ao longo da súa carreira (techno, rock, bossa nova, jazz...). É, ademais, pintor e poeta. Coñecido pola formar parte da mítica banda Duncan Dhu, tamén tivo unha ampla carreira en solitario desde os 90. Primeiro en Cabaret Pop e logo como Diego Vasallo. O seu último traballo de estudio Las rutas desiertas (2020), soará en Carballo.
Visitádenos e desfrutade co mellor da literatura e a música do momento! No Curruncho Pop!