En Nadal, en Carballo!
Temos actuacións musicais, teatro, maxia, monicreques, rocódromo, tirolina, as visitas do Apalpador, os Reis Magos e Papá Noel… e moito máis. Visítanos!
Farol de Nadal na rúa Coruña | 📷 Turismo Carballo
16 de decembro de 2021 - Este ano máis ca nunca Carballo quere vivir o espírito do Nadal cun completo programa de actividades no que, como cada edición, as nenas e nenos son os protagonistas con propostas que inclúen teatro, música, maxia, monicreques, actividades ao aire libre como rocódromo e tirolina e por suposto coa maxia destas datas que traen o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos. As Concellarías de Cultura, Promoción Económica e Turismo e Benestar unen os seus esforzos para completar un Nadal no que atopar ilusión e moitas propostas nas que elixir. Ademais, este ano seguimos engadindo adornos de rúa cun modelo "diferente e alternativo", segundo explica o Concelleiro de Turismo Xosé Regueira, baseado na artesanía local e que cada ano vai engadindo novas pezas. Temos renos e trineos de madeira, caixas de correos para recoller as cartas da cativada, bastonciños de caramelo ou un farol decorado para recibir a visita de Papá Noel situado en pleno centro da vila.
Ademais, co obxectivo de favorecer o consumo e facilitar as compras no comercio de proximidade, hai unha serie de actividades de rúa que terán lugar nas principais zonas comerciais especialmente dirixidas a nenas e nenos. Estaba previsto tamén ter un servizo de Ludoteca no segundo andar do Mercado Municipal, pero debido á situación sanitaria considerouse que era unha actividade risco, por ser nun recinto pechado e por ser unha actividade especialmente dirixida a nenas e nenos que aínda non están vacinados. As citas previstas son as seguintes:
- Instalación de rocódromo e tirolina no Parque do Rego da Balsa:
- Do 22 ao 30 de decembro.
- Horario: de 11 a 14 horas e de 16 a 18.30 horas.
- Acceso gratuíto presentando tícket de compra posterior ao día 20 de decembro en calquera establecemento comercial de Carballo (incluídas tendas de alimentación e supermercados).
- Instalación de rocódromo na Praza do Concello:
- Do 22 ao 30 de decembro.
- Horario: de 11 a 14 horas e de 16 a 18.30 horas.
- Acceso gratuíto presentando tícket de compra posterior ao día 20 de decembro en calquera establecemento comercial de Carballo (incluídas tendas de alimentación e supermercados).
- Visita de Papá Noel do 18 ao 23 de decembro en horario de 17.00 a 21.00 horas (excepto o domingo 19 de 10.30 a 14.30 horas). Será polas principais zonas comercias da vila: zona centro, barrio da Milagrosa e zona entre a rúa Ponte e o CEIP Bergantiños.
- Actuacións de maxia na rúa Coruña e na Praza do Concello. O mago Álex ofrece actuacións o xoves 23, venres 24, luns 27, xoves 30 e venres 31 de decembro e tamén o luns 3 de xaneiro de 12.00 a 13.00 horas pola mañá e de 19.30 a 20.30 h. pola tarde.
Nadal Cultural
Como cada ano, o Nadal en Carballo tamén significa unha intensa programación cultural. Haberá mercado de arte, presentación de libros, exposicións, unha foliada solidaria, os típicos beléns de Nadal... Pero todos os anos o que todas as nenas e nenos agardan con máis ilusión é o Nadal Pequespectacular con citas no Pazo da Cultura. Este ano con catro espectáculos entre o luns 27 e o xoves 30 de decembro ás 18.00 h. As entradas -3€, 2€ con desconto- poden mercarse en ataquilla.com:
- Luns 27 de decembro. Enmaxiarte con Dani Polo. Espectáculo para toda a familia con maxia, humor, ilusión e imaxinación.
- Martes 28 de decembro. Pinocchio con Ghazafelhos. Historia dun títere universal que nos enche de risa e emoción e que agocha un segredo no seu corazón de bidueiro.
- Mércores 29 de decembro. Uxía Lambona e a Banda Molona. Concerto para facer bailar e cantar a todas as nenas e nenos con música tradicional galega.
- Xoves 30 de decembro. Orfeo con La Canica. Teatro con títeres, sombras e obxectos co que escenificar o mito de Orfeo e Eurídice dunha forma moi cercana ao mundo infantil.
Outra das citas que non poden faltar no nadal son as Cabalgatas de Reis. En Carballo será o 5 de xaneiro con saída ás 17 horas e está previsto que se retransmita en streaming cunha recepción virtual dos Reis Magos. Segundo evolucione a situación sanitaria valorarase a posibilidade de que haxa tamén recepción presencial. As medidas específicas comunicaranse nos días previos en www.carballo.gal.
Cartel e postal de Nadal
Cada ano o cartel e postal de Nadal de Carballo escóllense a través dun concurso convocado pola Concellaría de Cultura, no que este ano participaron 1185 nenas e nenos dos centros de ensino do municipio. O 18 de decembro, nun acto aberto ao público que se celebrará no Auditorio do Pazo da Cultura será a entrega de premios.
O primeiro premio, que ilustra o cartel do Nadal Cultural e que consiste nun agasallo valorado en 175 euros, correspondeu a Emma Queaires Rey, de 5 anos e alumna do CEIP Plurilingüe A Cristina. Tal como establecen as bases, o centro escolar ao que pertenza o/a gañador/a deste galardón recibetamén 150 euros en material didáctico. Este ano, polo tanto, o premio é para o CEIP A Cristina. O segundo premio, valorado en 100 euros, é para Olivia Lema Canedo, de 8 anos e alumna do CEIP Bergantiños. O seu debuxo ilustra a postal do programa do Nadal Cultural.
Así mesmo, o xurado acordou conceder os seguintes accésits, por un valor aproximado de 60 euros:
- Noa Suárez García, 11 anos do CEIP Fogar
- Marta Pérez Varela, 3 anos, do CEIP Gándara-Sofán
- Julia Sabrina Borja Sánchez, 5 anos, do CEIP Xesús San Luís Romero
- Breixo Domínguez Cambre, 8 anos, do CEIP Gándara-Sofán
- Roi Villar García, 8 anos, do CEIP Bergantiños
Nadal Solidario
Ademais de todas as propostas e citas, en Carballo sempre hai en Nadal un espazo para a solidariedade. A partir do xoves 23 hai unha campaña de recollida de xoguetes novos por parte de Cruz Vermella Carballo. Ademais, a entidade tamén participa na II Foliada Solidaria da Asociación Cultural Nemeth, que será o sábado 18 de decembro no Mercado Municipal de 19.00 a 0.00 horas. Ademais, a parroquia a través de Cáritas pon en marcha a Campaña especial de Nadal Kilo-Litro, no que recoller produtos non perecedoiros.
Vén a Carballo este Nadal, participa, desfruta e colabora!